NOVAS

Participa no Entroido 2017! Xa está aberto o prazo de inscrición

Publicado o 07 de Febreiro de 2017

Ei, temos novidades nesta edición do Entroido 2017! Sabías que os actos programados desde o Padroado da Cultura de Narón con motivo do Entroido contarán este ano con varias novidades?

Así o anunciou a vicepresidenta do organismo, Marián Ferreiro, que avanzou que o vindeiro luns, día 6, abrirá o prazo de inscrición no Festival de comparsas.

Estás nunha agrupación? Pois tes que saber que as agrupacións interesadas xa poden anotarse. Ollo, só hai de prazo ata o día 10 de febreiroAs inscricións deben formalizarse no Pazo da Cultura, en horario de 9:00 a 14:00 horas, tendo a obriga as persoas interesadas de presentar 6 copias dos temas a interpretar e os datos persoais dun ou dunha representante da comparsa.

  1. O desfile de Entroido terá lugar o sábado 25 deste mes e partirá do Pavillón da Mocidade, na Gándara, ás 17.15 horas, ata a pista polideportiva da Solaina, en Santa Icía, donde se celebrará o Festival de Comparsas, previsiblemente a partir das 18.00 horas, baixo unha carpa instalada para a ocasión. As formacións sairán do Pavillón da Mocidade cara as rúas Bispo Argaya, Vigo, Concepción Arenal e a avenida da Solaina, ata chegar á pista polideportiva do citado barrio, donde se sucederán as actuacións das comparsas.

Esta é precisamente unha das novidades deste ano, sacar o desfile e as actuacións ás rúas de Narón, unha proposta coa que tratamos de dar máis visibilidade ao Entroido no noso concello, non limitando exclusivamente a programación desta xornada ao Pazo da Cultura, onde xa se convocan numerosos espectáculos e eventos ao longo do ano”, apuntou Ferreiro.

A participación de comparsas limitouse a un máximo de 7 de Narón e 3 procedentes doutros concellos, cun mínimo de 15 membros maiores de 14 anos. Así mesmo, a selección das agrupacións realizarase por rigorosa orde de inscrición e as letras deberán estar escritas en galego e abordar temas locais do concello de Narón, tal e como figura nas bases establecidas desde o Padroado da Cultura. As comparsas de Narón que participen no festival deberán realizar dúas actuacións, unha na súa parroquia e a segunda en calquera outra do municipio, e con percorrido no caso de ser posible, tal e como se indica nas normas da convocatoria.

  1. Unha vez que as comparsas cheguen á pista polideportiva da Solaina, en Santa Icía, comezarán as actuacións, dun tempo máximo de 10 minutos cada unha, nas que os integrantes das agrupación deberán facer gala da súa ironía e humor, así como amosar a orixinalidade dos seus disfraces.

Axudas, agasallos e premios

  • Haberá axudas económicas do Padroado da Cultura para as comparsas de Narón de 600 euros; as de fóra de Narón, recibirán 300 euros e as convidadas –que poderá elixir o Padroado-, tamén obterán 300 euros.
  • Así mesmo, as tres mellor valoradas polo xurado –que presidirá a vicepresidenta do Padroado, Marián Ferreiro, e entre o que haberá representantes elixidos polas comparsas, como novidade- recibirán como premio unha figura en recordo do Día do Entroido
  • A maiores, tamén este ano, tal e como apuntou Ferreiro, haberá premios para os mellores disfraces nas categorías: individual, parellas e de grupo (cun máximo de seis persoas). Os galardoados recibirán unha cesta con produtos para preparar un cocido, prato típico destas datas do ano.

A vicepresidenta do Padroado da Cultura animou ás comparsas da localidade, e tamén doutros concellos, a inscribirse no festival que se celebrará no municipio con motivo do Entroido, e que “goza dunha excelente acollida entre a veciñanza”.

Así mesmo, e co fin de contribuír á ambientación local e a festexar esta data, tamén alentou á veciñanza a que acuda disfrazada ao Festival de Comparsas do vindeiro día 25, “o que ademais de darlle a posibilidade de obter un agasallo, permitiranos a todas e a todos gozar coas orixinais vestimentas que a xente prepara cada ano con motivo do Entroido”. 

 

  1. Consulta as normas de participación.
  2. Descarga a ficha de inscrición.
  3. Consulta o percorrido das comparsas.