O Pazo da Cultura acolle unha exposición sobre a traxectoria da compañía Os Monicreques de Kukas

Versión para impresoraEnviar a un amigo
Os Monicreques de KukasR.jpg

O Pazo da Cultura acolle unha exposición cunha escolma de preto de medio cento de espectáculos estreados pola compañía teatral Os Monicreques de Kukas. A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 10 de decembro –no horario de apertura do Pazo- e reflicte a traxectoria desta compañía, creada no ano 1979 por Marcelino de Santiago e Isabel Rei. A concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, animou á cidadanía a desprazarse ao Pazo “para apreciar unha parte do intenso traballo que Os Monicreques de Kukas levan facendo a prol da cultura e tamén da nosa lingua”.

A edil naronesa recordou que esta compañía actuou en numerosas ocasións na cidade, “donde puidemos desfrutar dos seus espectáculos, moi didácticos e ao tempo participativos, implicando ao público de diferentes idades e facéndoo protagonista das súas representacións”.

Espada explicou que esta exposición forma parte da programación da XXXIV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil de Narón, iniciada o pasado mes de outubro na cidade e na que participan milleiros de escolares de Narón e comarca. Esta Mostra, organizada polo Padroado da Cultura de Narón, conta un ano máis coa colaboración da Deputación da Coruña e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar