NOVAS

O Padroado da Cultura abre hoxe o prazo de matrícula nas Escolas Culturais Municipais

Publicado o 18 de Setembro de 2017

As persoas que desexen matricularse nas Escolas Culturais Municipais do Padroado da Cultura de Narón poderán facelo desde hoxe luns, día 18, ata o 6 de outubro, tal e como indicou a vicepresidenta do citado organismo, Marián Ferreiro.

A tramitación das mesmas, ao igual que en anos anteriores, realizarase nas oficinas do Pazo da Cultura, de luns a venres entre as 9.00 e as 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas e os sábados entre as 10.00 e as 13.00, e tamén nos Centros Cívicos Sociais e na Anpa dos centros escolares donde se ofertan as actividades. Ferreiro recordou que as persoas que formalicen a súa matrícula este ano nas oficinas do Pazo non teñen que cubrir a ficha de inscrición.

Na área de Escolas Tradicionais ofértanse clases de Danza Tradicional –a partir de 5 anos-; Gaita –desde os 6 anos-; Acordeón –a partir de 8-; Percursión tradicional –desde 6-; Canto e Pandeireta –a partir de 5-; Zanfona –a partir de 8-; Construción de Instrumentos –desde os 16- e O Recuncho dos pequechos –para 3 e 4 anos-. Esta última actividade ten entre os seus obxectivos o desenvolvemento dos menores, así como a súa orientación de cara a unha futura elección de actividades nas citadas Escolas. O prezo da matrícula para cada unha destas propostas é de 63,10 euros por curso.

Entre as Escolas Artísticas están as de Debuxo –a partir de 6 anos- e Teatro –desde os 4-, tamén cun prezo de 63,10 euros por curso. A maiores, desde o Padroado da Cultura ofértanse clases a través da Escola de Formación Actoral a persoas a partir de 16 anos. Nesta última área están os cursos 1º e Prácticum, cun prezo de 63,10 euros por curso, e o segundo e terceiro curso, nestes últimos casos abonando 208 euros, tamén por curso.

A partir dos 4 anos tamén hai a posibilidade de elixir a opción de Bailes de salón, cun prezo de 31,60 euros en concepto de matrícula e abonando posteriormente 15 euros ao mes.

As clases terán unha duración de oito meses e comezarán o 16 de outubro deste ano, rematando o 3 de xuño de 2018, tal e como se anunciou desde o Padroado da Cultura. Para máis información sobre as Escolas Culturais Municipais pódese chamar ao número de teléfono 981 391 144.

Así mesmo, desde o Padroado recórdase que aínda permanece aberto o prazo de matrícula nas Escolas de Música da Asociación Cultural Musical Sementeira, podendo formalizalas ata o 22 deste mes nas oficinas da entidade, -no segundo andar do Pazo-, de luns a venres entre as 17.00 e as 19.00 e os sábados de 11.00 a 13.00. Os interesados poden elixir entre clases de Música e Movemento; Iniciación á linguaxe musical; Linguaxe musical; Harmonía, Linguaxe musical (adultos) e Instrumento (xuvenil), abonando unha matrícula de 68 euros e unha cota mensual de 10 euros (oito en total de outubro a maio). Así mesmo, ofértanse clases de Linguaxe musical e harmonía; Linguaxe musical (adultos) e harmonía e Dous instrumentos (xuvenil) abonando a mesma cantidade pola matrícula e 20 euros de cota mensual; e de Instrumento de adultos e Dous instrumentos (adultos) pola mesma matrícula e 35 ou 50 euros, respectivamente, ao mes. Nas especialidades de instrumentos figuran: frauta traveseira, óboe, clarinete, saxofón, fagot, trompeta, trombón, bombardino, tuba, violonchelo, contrabaixo e percusión. Para máis información sobre as Escolas de Sementeira pódese chamar ao número de teléfono 699 458 267.

Cada ano máis dun milleiro de persoas matricúlanse nas actividades que se ofertan desde o Padroado da Cultura”, destacou Ferreiro. A vicepresidenta do Padroado subliñou a gran variedade de propostas dispoñibles nas diferentes áreas e tamén o feito de que poden asistir persoas de diferentes idades e, “non só veciños e veciñas de Narón, senón que tamén acuden cada ano outros procedentes de concellos da comarca”.