A herdanza das baleas

Versión para impresoraEnviar a un amigo
Baleas

Durante séculos, as baleas foron unha especie máis de pesca para os mariñeiros galegos. Primeiro de xeito artesán e, xa no século XX con toda unha industria aparellada, os grandes mamíferos facían parte da vida cotiá de diferentes portos. Agora, a obra Los balleneros en Galicia (siglos XIII al XX), de Felipe Valdés, analiza de xeito sistemático a actividade baleeira do país e revela este pasado tan descoñecido.

Reproducimos un estupendo artigo publicado no diario "El País" sobre a nosa historia coas baleas:

A Lugrís encantáballe incluír baleas nas súas innumerables e fantásticas paisaxes mariñas. Pero á marxe do mundo surrealista do xenial pintor, escasas son as trazas que permanecen, e menos na memoria colectiva, dunha das industrias nas que Galicia chegou a ser potencia mundial en distintas épocas, mesmo moi recentes. Durante sete séculos foi país de baleeiros, e dos que fan historia. Pero do outrora lucrativo oficio tradicional, que se extinguiu hai 25 anos sen pena nin gloria como unha das peaxes que pagou España ao entrar na Unión Europea, apenas resisten vestixios en ruínas de factorías baleeiras abandonadas en Caneliñas, de Cee (A Coruña), Punta Balea, de Cangas (Pontevedra) e Morás (Lugo).

Aínda que si queda sepultado en arquivos moito testemuño escrito, documentos que se remontan ata 1288, como a carta do rei Sancho IV ordenando ao abade do Mosteiro de Sobrado dos Monxes que non perdoe o pago dun imposto, "o diezmo da ballenación", ao porto de Prioiro (norte da Coruña). É o punto de partida do exhaustivo estudo sobre Os baleeiros en Galicia (séculos XIII ao XX) que o historiador Felipe Valdés Hansen acaba de publicar, editado pola Fundación Barrié. O agora doutor en Historia cando tiña 10 anos fascinábanlle as historias de baleas que lle contaban na Costa da Morte cando en 1985 o último baleeiro galego foi obrigado a encartar as velas, alí, en Caneliñas.

Aquel barco de IBSA (Industria Baleeira, SA, liquidada en 1994) é hoxe un museo flotante en Noruega onde, a diferenza de en Galicia, "si se preocuparon de salvalo do despezamento para recuperar, rehabilitar e difundir" a singular e rica historia dunha industria de vital importancia económica e social para o litoral atlántico do norte de España. "Aquí pecamos de non valorar e esquecer un oficio tradicional durante séculos", lamenta o historiador, que anhela que, a semellanza doutros lugares do mundo, se recupere o patrimonio industrial das vellas factorías baleeiras da Costa da Morte ou do Morrazo que aínda resisten, a duras penas, o paso do tempo.

A caza e a comercialización de cetáceos para o seu uso en fabricación de produtos importantes, desde o aceite que alimentaba a iluminación anterior á electricidade ata as barbas requiridas para pezas de vestir de luxo en Cataluña, "tivo unha notable incidencia no desenvolvemento urbano costeiro de toda Galicia". Non só lle deu proxección exterior e renome mundial, senón que tamén contribuíu ao crecemento económico e poboacional de toda a súa franxa atlántica", explica Valdés. Mesmo hai portos galegos que naceron da actividade baleeira como o de Burela (Lugo) ou o de Suevos-Punta Langosteira, onde agora se constúe o porto exterior da Coruña. "Nos séculos XVI e, sobre todo, XVII, Galicia foi o caladoiro de baleas máis importante da península", destaca Valdés, e tras "un parón" no século XIX ao extinguirse o único mamífero mariño que se cazaba entón, a balea franca, "volveu ser o máis importante". Alimentación, cosmética e téxtil pasaron a engrosar a lista de producións ávidas de rorcuales ou cachalotes cazados con arpón por galegos. Ata que se prohibiu, en 1985, "en pleno auxe económico de IBSA", entón baixo o control da familia Massó, e a eclosión das exportacións baleeiras galegas a Xapón.

A diferenza do que ocorreu con outras pesqueiras, golpeadas polas crises e vítimas de restricións por sobreexplotación, a morte da industria baleeira non foi "pola desaparición" dos cetáceos no Finisterre peninsular, subliña Felipe Valdés, "senón que foi imposta por unha decisión política". Como o sector naval, os baleeiros galegos (únicas factorías que permanecían abertas en España) "pagaron" a entrada na UE cando, baixo a presión ecoloxista, prohibiuse toda captura. A reconversión á pesqueira alternativa do peixe espada foi un fracaso total.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar