NOVAS

Concerto de A Banda Do Garaxe: venres no Café Teatro do Pazo

Publicado o 19 de Outubro de 2017

Mozas e mozos!! Esta "finde" estamos moi, moi musicais! O sábado imos ao obradoiro de rap sen dúbida, pero...o venres temos que dar unha volta e reviravolta e ir ver a A Banda Do Garaxe!

  1. Quen son A Banda do Garaxe? É unha formación creada a finais de 2016 e formada por doce rapazas e rapaces da comarca e integrantes doutras bandas da Asociación Cultural Musical Sementeira, de Narón. Nesta ligazón atoparedes máis info sobre A Banda do Garaxe!
  1. A cita: A actuación da Banda será o vindeiro venres, día 20, no Café Teatro do Pazo da Cultura. O concerto prográmase tralas actuacións do verán desta formación, con motivo do peche de tempada e antes de iniciar os ensaios do inverno. A cita dará comezo ás 20.00 horas e a entrada é de balde.
  1. Outras actuacións: Na tempada estival os integrantes da Banda do Garaxe, dirixida por Eusebio López, actuaron no Pantín Classic, nas instalacións do Centro Comercial Dolce Vita Odeón e noutros eventos. Así mesmo, tal e como indicaron desde Sementeira, “estiveron especialmente involucrados e activos nas saídas de tódalas bandas da Asociación nas que participan, e algúns dos músicos realizaron moitos arranxos musicais de temas que interpretan”. O concerto, cun amplo repertorio de música moderna e festiva, terá unha duración aproximada dunha hora. Foi precisamente no Café Teatro do Pazo da Cultura, tal e como recordaron desde Sementeira, donde deu o seu primeiro concerto A Banda do Garaxe, o pasado mes de abril, cando os músicos interpretaron temas dos Blues Brothers, Raphael e Adele, entre outros.

Xa sabedes...de balde, o venres ás 20:00 horas no Café Teatro do Pazo da Cultura. Vémonos!