A Biblioteca acollerá esta semana varias actividades con motivo do Día mundial da Poesía e o Día mundial da árbore

Versión para impresoraEnviar a un amigo
R_poetry-album-818181_640.jpg

A Biblioteca municipal organizou varios actos con motivo do Día mundial da Poesía, que se conmemora cada 21 de marzo. Entre as accións a levar a cabo están desde hoxe e ata o vindeiro sábado, o agasallo dun poema para aquelas persoas que se acheguen aos mostradores da sala infantil e a de adultos das citadas instalacións. Así mesmo, hoxe e dende o mércores ata o venres, as persoas interesadas poderán xogar na conta de Facebook da Biblioteca –Biblioteca Pública Municipal de Narón- rematando estrofas de poemas escritos tanto en lingua galega como española.

O acto central do Día mundial da Poesía terá lugar o vindeiro xoves, día 21, xornada na que o grupo poético Moraima, a grafía da emoción deleitará ás persoas que se acheguen á sala do soto da Biblioteca, a partir das 19.30 horas, cun recital poético. A escritora e mestra Aurora Varela será a encargada de abrir o recital, no que tamén participarán, entre outros, o escritor e mestre Antón Cortizas, o pintor, poeta e músico Francisco Pérez, e os poetas Juan Carlos Valle, Karlotty, e Francisco Vila. O citado recital contará coa música en directo de Eugenia Sanmartín e Julia María Dopico.

Ademais de celebrarse o Día Mundial da poesía, o 21 de marzo conmemórase o Día da árbore. Con motivo desta última convocatoria, celebrarase na Biblioteca municipal unha actividade dirixida a nenos e nenas a partir de 3 anos e as súas familias. “Unha árbore ven vernos” é o título desta proposta, que terá lugar o sábado 23 de marzo a partir das 11.00 horas na sala multiusos da planta soto. Anxo Moure é o contacontos que protagonizará esta actividade.

Para asistir a esta sesión de contacontos é preciso inscribirse previamente, podendo facelo -ata esgotar as prazas existentes- a partir de hoxe ás 16.00 horas no mostrador da sala de adultos ou chamando ao número de teléfono 981 382 173 en horario de apertura das instalacións (de luns a venres de 9.30 a 13.30 e de 16.00 a 21.00 horas, se ben mañá estará pechado pola festividade de San Xosé).  É imprescindible que os menores que desexen asistir á actividade teñan o carné da Rede de Bibliotecas sen sancións pendentes, tal e como se recalcou.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar