Axudas a universitarios para ir a congresos, simposios ou seminarios

Versión para impresoraEnviar a un amigo
congreso.jpg

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas dirixidas ao alumnado universitario matriculado nalgunha das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia ou nos centros asociados da UNED en Galicia no curso 2009/2010, destinadas a sufragar parte dos gastos ocasionados pola asistencia a congresos, simposios, seminarios ou similares relacionados coas materias obxecto de estudo na titulación cursada.

Requisitos:
1. Estar matriculado no curso 2009/2010 en calquera das universidades do Sistema Universitario de Galicia ou nos centros asociados da UNED en Galicia, no derradeiro curso de estudos conducentes ao título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou nun máster universitario.

2. Atoparse matriculado, nos plans de estudos estruturados por créditos, como mínimo en 50 créditos, incluído neles o proxecto fin de carreira.
Para os estudos de máster universitario, estar matriculado dun mínimo de 60 créditos, nun máster universitario de carácter presencial impartido nas universidades de Santiago, A Coruña ou Vigo no curso 2009/2010.

3. Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 1,50 puntos, calculada cos parámetros publicados por Resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 15 de marzo de 2005, DOG do 23 de marzo. No caso de alumnos de ensinanzas técnicas, a nota obtida polo alumno multiplicarase por un coeficiente corrector de 1,35 puntos.

4. O congreso, seminario, simposio ou similar, deberá estar organizado por universidades públicas, privadas ou outras institucións de recoñecido prestixio académico no que se traten aspectos relacionados coas materias obxecto dos estudos que están a realizar.

5. Que as actividades teñan unha duración mínima de 24 horas acreditadas pola entidade organizadora. As actividades para as que se solicita a axuda terán que ser realizadas no período comprendido, única e exclusivamente, entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2010.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar