Apertura do prazo de inscrición para asistir ao contacontos infantil Pepiña Maruxiña quere voar

Versión para impresoraEnviar a un amigo
R_Cartel-Barafunda.png

O Concello de Narón programa unha nova actividade enmarcada no programa Apego, de socialización de nenos e nenas en galego. A través da Concellería de Ensino, que dirixe a edil Mercedes Taibo, anunciouse a apertura do prazo, hoxe, para inscribirse na actividade Pepiña Maruxiña quere voar, que terá lugar o vindeiro venres, día 29, a partir das 18.00 horas no Centro Cívico Social do Val. A proposta enmárcase na programación impulsada desde o Servizo de Normalización Lingüística de Narón e as persoas interesadas deben anotarse escribindo ao correo: a.pita@naron.es, facilitando o nome da actividade, o nome e a idade do neno ou nena e o do pai, nai ou persoa que o acompañará, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.

Pepiña Maruxiña quere voar é un espectáculo de Barafunda Animación, dirixido a nenas e nenos a partir de 3 anos e ás súas familias. O número de prazas está limitado a trinta menores e a duración do espectáculo é duns cincuenta minutos. Nesta ocasión trátase dun contacontos infantil que se basea na tradición oral e protagonizado por unha xoaniña, Pepiña Maruxiña. Emprenderá unha aventura polo xardín á procura dunhas ás e polo camiño irá coñecendo a varios animais que a axudarán a cumprir o seu desexo de voar. O conto baséase na tradición popular de cantarlles ás xoaniñas para protexelas e tamén para que emprendan o voo, para preguntarlles polo tempo, coñecer con quen vas casar, para que faga bo tempo e haxa boas colleitas…

A concelleira de Ensino animou ás familias da cidade con nenas e nenos maiores de 3 anos a inscribirse nesta actividade, con entrada de balde.

 
Xunta de Galicia. Consellera de Traballo e Benestar