NOVAS

Actos polo 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres

Publicado o 23 de Febreiro de 2017

Homenaje á Muller  do Ano 2017

O Concello de Narón inclúe na programación de actos polo Día Internacional das Mulleres as seguintes actividades:

  1. Día 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres. A homenaxe á Muller do Ano 2017 (que aínda non sabe que vai ser Muller do Ano!!) dará comezo ás 12.00 horas no Consistorio. Á noite, haberá que ir dar unha voltiña polo Pazo da Cultura porque vai estar iluminado de cor malva. Moi chulo!!
  2. Día 9 de marzo. Na Biblioteca municipal teremos a presentación do libro “Machismos: de micro nada”, a partir das 19.00 horas. Trátase dunha publicación xa editada por Embora e escrita por Fiadeiras, un colectivo de mulleres “bravas”, pertencentes ao Grupo de Traballo en Igualdade do Ceesg (Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia). Este acto é aberto a toda a cidadanía pero especialmente dirixido aos centros de ensino aos que se lles enviará un libro para que poidan traballar con esta temática co seu alumnado.
  3. Día 10 de marzo. Hoxe hai a tradicional Cea de Mulleres a partir das 21:30 horas en A Roldana, no polígono de Río do Pozo. Se queres asistir podes facelo, os tickets teñen un prezo de 18 euros e poden adquirirse xa no propio establecemento hostaleiro. O menú? Pizza, empanada, polbo, lacón asado, tarta, café...Tamén haberá unha actuación musical. Nesta Cea das Mulleres tamén se homenaxeará novamente á Muller do Ano de Narón.
  4. Día 16 de marzo. Desenvolverase no Centro Cívico Social da Gándara un obradoiro informativo, a cargo do Servizo de atención psicolóxica para vítimas de violencia de xénero. Dará comezo ás 18.00 horas e estará aberto á participación da cidadanía en xeral. Sabías que no Concello hai unha nova psicóloga e un punto de atención psicolóxica para que as vítimas que padecen esta lacra poidan recibir a atención que precisen?

Ademais os establecementos comerciais da Asociación de Comerciantes de Narón, o día 8 de marzo repartirán aos clientes coas súas compras unhas bolsas de papel nas que se poderá ler o lema: “Mulleres e homes por igual”.