NOVAS

Aberto o prazo de solicitude das axudas para a bonificación do servizo de comedores escolares

Publicado o 15 de Xuño de 2017

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou onte o anuncio da convocatoria pública de axudas do Concello para bonificar o menú diario do servizo de comedor escolar no período de xaneiro a xuño deste ano, aprobada na Xunta de Goberno Local o pasado 1 de xuño.

Poderán solicitar estas axudas as persoas empadroadas en Narón con fillos matriculados en colexios privados concertados que imparten segundo ciclo de Infantil, educación Primaria ou ESO localizados en Narón e usuarios do citado servizo. Tamén poderán facelo aquelas familias empadroadas en Narón e con fillos escolarizados en centros concertados fóra do municipio por prescripción da Comisión de Escolarización ou da Inspección de Educación, sempre que teñan o citado servizo neses centros.

As axudas diríxense prioritariamente a familias con menores, con dificultades socioeconómicas e de conciliación da vida familiar e laboral. O orzamento máximo do Concello destinado a estas subvencións é de 16.000 euros, que se concederán ás familias en función do número de integrantes da unidade de convivencia e do tope de ingresos.

O prazo de solicitude é de quince días naturais, contados a partir de hoxe, tal e como se especifica no BOP. As persoas interesadas en acollerse ás axudas deben cubrir unha instancia que poden recoller no Rexistro municipal, no Servizo Sociocomunitario –no primeiro andar do Concello- ou descargar a través do enlace: http://www.naron.es/web/docs/modelo-solicitude-comedor-escolar-2017.pdf e entregala no Rexistro municipal, de luns a venres, en horario de 8.30 a 13.00.