NOVAS

Aberta a inscrición para o curso de monitor/a de fútbol sala que se celebra no Concello de Narón

Publicado o 06 de Febreiro de 2018

O concelleiro de Deportes, Román Romero, presentou hai uns días o “Curso de Monitor/a de Fútbol Sala”, unha iniciativa organizada pola Escola de Adestradores/as da Real Federación Galega de Fútbol e na que colabora o Servizo de Deportes do Concello de Narón.

As persoas interesadas xa poden formalizar a súa inscrición nesta ligazón da páxina do organismo para participar nunha acción formativa que dará comezo o 20 de febreiro no Pavillón Municipal da Gándara. 

Segundo explicou o director da Escola Galega de Adestradores/as da Federación, Manuel Mosquera, o organismo autonómico está destinando moitos recursos e esforzos na preparación de técnicos/as e monitores/as, xa que, dixo, “é unha demanda unánime entre a xente do mundo do fútbol en xeral e do fútbol sala en particular”. Nesa liña, explicou que o curso ten dúas modalidadesunha, para o alumnado que o fai completo (66 horas) e que ten un custe de 150 euros, e outra, de actualización dirixida ás persoas que xa teñen feito o curso organizado pola Federación Galega de Fútbol Sala antes da integración na Federación de Fútbol, cunha duración de 33 horas e de balde. A acción formativa terá lugar os martes e xoves en horario de tarde no Pavillón Municipal de A Gándarae a súa duración estimada é de dous meses.

O concelleiro de Deportes estivo acompañado, ademais de polo director da Escola de Adestradores/as, polo responsable de Fútbol Sala da Federación, Pablo Prieto; polo vicepresidente do organismo, Juan Luis Villamisar, e polo delegado en Ferrolterra do mesmo, Manolo Mesa.  Os catro membros da Federación coincidiron en destacar “as facilidades e a colaboración que sempre atopamos no Concello de Narón”, non só, dixo Prieto, “á hora de organizar torneos ou partidos internacionais, senón tamén noutro tipo de proxectos como estes  de tipo formativo cos que queremos que o fútbol sala siga medrando”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Román Romero, asegurou que “o Concello está encantado de colaborar coa Federación, pois somos moi conscientes da importancia que ten o deporte para as persoas, principalmente para os máis novos. Sempre teremos a porta aberta para tratar de axudar no que poidamos”, concluíu.