NOVAS

Problemas de escolarización en Narón

Publicado o 31 de Maio de 2011

Contra o afirmado pola Consellería de Educación, o luns 23 de maio non se produciu ningunha reunión entre a Inspección Educativa e a concelleira de Ensino de Narón, así como tampouco con ningún outro departamento da consellería de Educación do goberno galego.

Sorprende ao Concello de Narón o tenor da nota da Consellería de Educación sobre os problemas de escolarización no municipio. Parece que a Xunta non trata de dar solucións senón de buscar culpables do grave problema de escolarización, e válelle ben que o culpable sexa o Concello. Sorprende, porque a competencia exclusiva nesta materia é da Xunta de Galicia. Ao concello cómpetelle únicamente colaborar coa consellería, como é ben sabido que fai.

Contra o afirmado pola Consellería de Educación, o luns 23 de maio non se produciu ningunha reunión entre a Inspección Educativa e a concelleira de Ensino de Narón, así como tampouco con ningún outro departamento da consellería de Educación do goberno galego.

A concelleira de Ensino de Narón, María del Carmen Espada, mostrouse onte sorprendida da desfachatez da Consellería, “que minte sen rubor algún”.
 
Ante as reiteradas queixas recibidas de pais de alumnos e alumnas que non poderán escolarizar aos seus fillos no centro elixido como primeira opción –como xa sabía a Xunta de Galicia que ía ocorrer, pois este non é un problema novo– María del Carmen Espada levou o asunto á reunión do consello escolar municipal de abril. Tras esa reunión, ofreceu datos á Xunta (obtidos centro por centro) dos problemas de escolarización. A Xunta podía ter convocado unha reunión da comisión de escolarización, pero non o fixo.

María del Carmen Espada solicitou o mércores 25 de maio, tras terse reunidos semanas antes coa secretaría xeral técnica da consellería, unha reunión urxente da comisión de escolarización. Dous días despois, o venres 27, a Xunta respondeu que esa comisión se reunirá a segunda semana de xuño. En ningún momento comunicou ao Concello de Narón, nin aos colexios, a apertura de aulas para nenos de 3 anos en Virxe do Mar e A Gándara para solventar o problema puntual de 50 nenos. Moito menos, insistimos, houbo reunión ningunha o luns 23 de maio.

O problema de escolarización de 50 nenos que non poderán ir á escola na escollida como primeira opción polos seus pais e nais non é novo deste curso escolar. Vense repetindo cada ano. O problema real é que uns mil alumnos e alumnas de Narón estudan fora do concello, moitos deles por non ter praza nos centros que elixen como primeira opción. O Concello avalía positivamente a solución de crear 2 novas aulas en Virxe do Mar e A Gándara, pero é unha solución provisoria.

O Concello de Narón leva ofrecendo espazo para a construción dun novo centro escolar no contorno do Alto desde o ano 2005, sen que a Xunta dera paso algún ata o momento.