NOVAS

O Concello doará a Ucrania bicicletas recollidas a través da campaña “A túa vella bici vale un sorriso”

Publicado o 04 de Xaneiro de 2023
Doazón de bicicletas a Ucrania.

A campaña “A túa vella bici vale un sorriso”, posta en marcha dende o Concello en colaboración co Centro de Recursos Solidarios e o establecemento BikeWorks de Narón, leva recollidas ata a data unhas 150 bicicletas, patinetes e correcorre. 

Unha parte deste material, tal e como indicou o concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, entregarase á poboación ucraína a través do Centro de Recursos Solidarios de Narón.

“O ano pasado xa colaboramos con envío de material a través do Centro de Recursos Solidarios e está previsto que o vindeiro luns saian parte das bicicletas recollidas cara á Coruña, dende onde a través da asociación AGA Ucraína as levarán ao seu destino”, apuntou. Así mesmo, indicou que outra parte se doa ao Centro de Recursos Solidarios, en función da demandada que teñan, e tamén aos centros de ensino da cidade que as solicitan para utilizar no tempo de descanso.

O edil naronés recordou que se continuarán recollendo bicicletas, patinetes e correcorres ata o 4 de xaneiro no Concello –na planta de acceso, no departamento de Educación Viaria- en horario de mañá os días laborables e no establecemento BikeWorks de Narón, onde tamén se realiza unha posta a punto. Romero agradeceu “a gran colaboración cidadá novamente nesta campaña a través da que tratamos que as nenas e nenos de familias máis vulnerables da cidade poidan ter entre os seus agasallos unha bici, un patinete ou un correcorre” e animou ás persoas que poidan facelo a que continúen doándoas para que cheguen aos seus destinatarios.