NOVAS

Aberto o prazo de inscrición nas escolas deportivas e actividades conveniadas e de clubs no Padroado de Deportes

Publicado o 19 de Setembro de 2022

O Padroado de Deportes de Narón abriu para as veciñas e veciños de Narón e posuidores do bono familiar o prazo de inscricións da tempada 2022-2023 nas piscinas, escolas deportivas do pavillón, conveniadas, de clubs e ximnasio, mentres que as persoas doutros concellos deberán facelo a partir de hoxe, día 19, ata o 30 deste mes.

O concelleiro de Deportes, José Oreona, indicou que as inscricións deben tramitarse nas oficinas do complexo polideportivo da Gándara, en horario de 8.30 a 13.30, excepto as conveniadas e de clubs que se realizarán nas respectivas entidades.

No caso das escolas deportivas do complexo polideportivo e piscina da Gándara e actividades de nado libre, ximnasia de mantemento, ioga, pilates e musculación, comezarán a tempada o 1 de outubro. No que respecta ás actividades conveniadas e outras de clubs –atletismo, balonmán, tiro con arco, fútbol, fútbol sala, baloncesto, piragüismo, golf, boxeo, kick boxing, voleibol, xinmasia rítimica, patinaxe artística…- a inscrición levarase a cabo nos propios clubs, podendo tamén informarse sobre as mesmas nas oficinas do complexo polideportivo municipal da Gándara.

As persoas que desexen recibir máis información poden dirixirse ao complexo polideportivo municipal da Gándara, no número 148 da estrada da Gándara, ou chamar ao teléfono 981 387 522.